Friday 10 de May de 2024

Ángeles Vázquez salienta o éxito da participación escolar no primeiro concurso ‘Pilabot’, durante o que se recolleron case o 20% das pilas recuperadas en toda Galicia o ano pasado


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá na entrega de premios aos centros e alumnos gañadores do certame, que se puxo en marcha este curso co fin de incentivar a reciclaxe de pilas, acumuladores e baterías usadas en centros educativos de infantil e primaria

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na entrega de premios da primeira edición do concurso de recollida de pilas Pilabot, que se desenvolveu entre o 26 de novembro de 2018 e o 11 de febreiro deste ano nun total de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia. Durante os case tres meses que durou o certame recolléronse preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras espectaculares e que “superaron as expectativas” iniciais, tal e como subliñou a conselleira.

De feito, a cantidade recollida nos colexios participantes cobra maior importancia se se compara co dato total de pilas recuperadas na comunidade, xa que representa case o 20% das 230,5 toneladas que se recompilaron o ano pasado en toda Galicia. Por iso, a conselleira de Medio Ambiente felicitou a colexios, profesores e alumnos polo grao de implicación demostrado e a boa resposta que tiveron desde o comezo ante unha iniciativa co dobre obxectivo de concienciar ás novas xeracións sobre reciclaxe e de protexer o entorno.

O CEIP de Caión (A Laracha), o CPR Plurilingüe la Purísima (Ourense) e o CRA Amencer (Ribadavia) foron os tres centros galardoados nesta primeira edición de Pilabot por presentar as mellores cifras de reciclaxe de pilas nas dúas categorías en que se dividiu o concurso: quilos totais de residuos recompilados nos centros; e cantidade media recollida por alumno.

Así, o CEIP de Caión levouse o primeiro posto en termos absolutos, xa que durante os dous meses e medio que durou a iniciativa recolleu un total de 1.382 quilos de pilas e baterías. Este colexio resultou dobremente galardoado xa que tamén acadou a segunda posición no ránking de media por estudante, cun total de 37 quilos por cada estudante. O CPR La Purísima quedou en segunda posición, cun total de 1.115 quilos recollidos nas súas instalacións; e o Centro Rural Agrupado Amencer logrou a mellor ratio de material recuperado en relación ao seu alumnado: 65 quilos por neno.

Unha representación de profesores e alumnos dos tres centros participantes coas mellores cifras de recollida de pilas, así como as rapazas gañadoras do concurso individual de Fotografía Artística #eusonpilabot que se convocou paralelamente no marco da mesma campaña, asistiron hoxe en Santiago ao acto oficial de entrega de premios.

No primeiro caso, os gañadores nas dúas categorías do concurso levaron un cheque de 2.500 euros cada un para comprar material escolar ou deportivo, mentres que os que quedaron en segunda posición recibiron 1.250 euros. Pola súa banda, na primeira edición do certame fotográfico #eusonpilabot –no que participaron un total de 80 nenos- o primeiro premio recaeu en Sofía Iglesias, estudante do CPI Castro Baxoi de Miño e que levou unha tablet; o segundo foi para Nadia Carballo, do CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela, e gañadora dun altofalante bluetooth; e o terceiro outorgóuselle a Nerea López, alumna do CRA Amencer de Ribadavia, que recibiu como premio unha pulseira fitness.

Campaña ‘Pilabot’
A Consellería de Medio Ambiente, en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), puxo en marcha a campaña Pilabot o pasado 22 de outubro co obxectivo de fomentar a reciclaxe deste tipo de residuos entre os escolares galegos e as súas familias. En total, 150 colexios de primaria e secundaria (53 da provincia de A Coruña; 15 de Lugo; 31 de Ourense; e 51 de Pontevedra) adheríronse á mesma durante o curso 2018-2019.

Ademais dos concursos de recollida de pilas e o de fotografía artística, entre as actividades programadas no marco de Pilabot tamén se incluíron accións informativas e charlas educativas nos propios centros, coa entrega de material divulgativo sobre a campaña e a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas co alumnado.

Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, a conselleira explicou que unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida. Por iso, resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.

En todo caso, nos últimos anos tense detectado un incremento notable da concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras de 2018, en Galicia recuperáronse 230,5 toneladas de pilas, o que supón un incremento do 25% na última década e do 8% respecto ás cifras de hai tres anos.